O VIÑO. XOSÉ NEIRA VILAS

Lamentablemente, cando estamos en pleno desenvolvemento do proxecto Salvaterra de Viño, coñecemos a nova lutuosa do pasamento do Neno Labrego máis universal, D. Xosé Neira vilas, padriño da aula de 6º do CEP Carlos Casares.
Xosé Neira Vilas acompañado da súa dona Anissia Mirando visitaron o noso cole, apadriñando dúas aulas, no ano 2000.
Gardamos moi boas lembranzas daquela xornada e o colexio garda moitos documentos gráficos daquel frutífero día.
Entre outras actividades que fixemos, para honrar a súa figura, foi pescudar textos escritos por el, que estiveran relacionados co viño.
Na rede atopamos o relato Lucinda. No seguinte enlace podedes ler o comentario recollido en www.ogalego.eu
http://www.ogalego.eu/exercicios_de_lingua/lit/neiravilas/lucinda.html

Para o alumnado do cole consideramos máis apropiado o relato VIÑO, do libro Lar, 1973.

VIÑO
A tempo chegamos para a vendima. Alboroque. Trasfega de escadas e de cestos; ir e vir entre as cepas e a tinalla e o lagar. Mans desfeitas que de a pouco van collendo habelencia. Todo semella un xogo, coma na derradeira aventura do vello Noé. Zume da terra que agroma nos peniscos de cada bacelo. Tras desas uvas (caíño, tintilla, náparo, albariño, garnacha...) hai lembranzas da ben feita gabia, con xergón de sarradura e moline no que se deita cada vidra nova; do misterioso enxerro florecido; das caldeiretas de sulfato azul, e do fungar da axofradora...
 O viño cae a fío na ola. Para algúns é sangue que  redime, e para outros, solimán que mata día a día mentres axuda a esquecer mágoas que aniñan non fondal da vida.
A tempo chegamos para a derradeira ceifa do ano. Para carrexar o viño. Para lle dar asento á fustalla de sempre; á de tantos outonos que se foron. 

Temos previsto seguir traballando a redor deste texto, pero compartímolo, por se a alguén lle pode interesar.